Xustificación académica, científica e profesional

A Mecatrónica, como disciplina emerxente, abre enormes posibilidades tecnolóxicas que se fixeron evidentes na última década coa aparición dun grande número de sofisticados produtos e sistemas que requiren da súa exhaustiva aplicación (coma, por exemplo, un satélite ou un marcapasos). Estes nunca existirían da simple adopción dunha única disciplina ou mediante enfoques tradicionais combinados. Unha simple avaliación de sectores de interese nos campos da industria do automóbil, aeroespacial, naval, fabricación, electrónica, robótica, biotecnoloxía, etc., mostra o importante interese científico e estratéxico desta proposta.

Este tipo de solucións de enxeñaría requiren o uso de equipos integrados de enxeñeiros que traballen cara a unha meta común. O enxeñeiro en Mecatrónica identifícase cunha sistemática, pretende optimizar unha “solución de enxeñaría”, na cal a calidade do produto final está implícita na forma en que se buscan as solucións, e as metodoloxías utilizadas para a súa realización.

O Máster en Mecatrónica é unha clara vía para a continuación dos estudos de grao de enxeñaría mecánica, enxeñaría electrónica industrial e automática. Tendo en conta o elevado grao de colocación das persoas tituladas formadas na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo na economía galega, pódese extrapolar que os futuros egresados do Máster en Mecatrónica cubrirán un importante oco de demanda, acentuado pola transformación dos plans de estudo de enxeñaría industrial. De todo iso pode concluírse que, polos seus contidos e orientación, o “Máster Universitario en Mecatrónica” presenta sen dúbida un interese significativo para a industria da nosa zona.

 

Referentes externos á universidade

Nacionais:

Internacionais:

 

Descrición dos procedementos de consulta empregados

A proposta deste máster revisouse en base á normativa en relación ao deseño de títulos universitarios oficiais de posgrao, elaborado pola Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo.

Tamén se traballou no deseño do título co marco proporcionado polos seguintes documentos (indícanse só os que se consideran máis relevantes):

  • Liñas xerais para a implantación de estudos de grao e posgrao no Sistema Universitario de Galicia
  • Guía de apoio da ANECA en relación ao proceso de VERIFICACIÓN
  • Protocolo de avaliación da ANECA en relación ao proceso de VERIFICACIÓN de títulos oficiais

Tivéronse en conta tamén os proxectos e convenios de colaboración asinados con universidades e empresas do sector.

Por outra banda, considerouse importante revisar a oferta de títulos de máster actual e futura desta universidade ao obxecto de integrar o coñecemento que achega este máster no conxunto para ofrecer unha formación nova e complementaria ao existente e previsto. De igual modo, tívose en conta as directrices emanadas do centro no que se organiza e impartirase este máster, a Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.

Entrouse en contacto con doutores da Karlsruhe University of Applied Sciences (Universidade coordinadora do Máster europeo “Erasmus Mundus” en Mecatrónica e Micromecatrónica), Technical University of Munich (Universidade coordinadora do proxecto Europeo “Intercultural Excellence in Mechatronic Engineering Education), University of Melbourne, RMIT University, Università degli Studi dei Napoli Federico II, Universidade de Coimbra e as Escolas de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Oviedo, da Universidade de Málaga e da Universidade de Sevilla, onde se imparten titulacións de máster oficiais relacionadas coa Mecatrónica.

As súas achegas a esta proposta de máster, desde a experiencia das titulacións nas súas respectivas universidades, foron enriquecedoras tanto en canto a contidos, dado que lideran proxectos de investigación en Europa e España tan interesantes para esta disciplina, como en canto á coordinación co resto de materias.

Desde o ámbito empresarial ven contando coa colaboración dun nutrido número de profesionais de prestixiosas empresas que participan habitualmente (desde o ano 2004) en seminarios, ciclos de conferencias e xornadas relacionadas coa Mecatrónica e achegaron o seu punto de vista en relación aos contidos deste máster eminentemente profesionalizante.

O centro conta cun SGIC no que se recolle toda a información e procedementos asociados coa ‘Política e obxectivos de calidade da formación’ (capítulo 4, do manual do SGIC). Tal e como se indica no procedemento DO-0102 P1 (Procedemento para o seguimento e mellora das titulacións) do SGIC, ao finalizar o curso académico, os coordinadores do título reciben da área de Calidade, un informe con indicadores e datos recompilados durante o desenvolvemento da actividade docente e do ensino do curso académico. Estes datos, xunto coa propia información da comisión académica do título, son analizados durante a elaboración do informe de seguimento do título que xera, entre outros resultados, un Plan de Melloras.