Enxeñeiros vigueses converterán os residuos plásticos oceánicos en compoñentes ecoinnovadores para a industria marítima

Empregar residuos plásticos oceánicos para a creación, mediante impresión 3D, de compoñentes ecoinnovadores que poidan ser reutilizados pola propia industria marítima, podendo chegar a fabricalos en apenas uns minutos, tanto nas instalacións portuarias como a bordo dun barco. Esta é a filosofía coa que nace  o proxecto europeo CircularSeas, un traballo financiado con preto de dous millóns de euros de fondos FEDER e no que participa como socio o grupo de investigación de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade de Vigo, dirixido polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Julio Garrido.

A presentación do proxecto reuniu está mañá no edificio Miralles a unha boa representación de todas as partes implicadas, non só da comunidade universitaria, senón tamén do resto de organismos que, desde hai xa uns meses, están a colaborar nesta investigación e que inclúen a Autoridade Portuaria de Vigo, peza clave para o desenvolvemento deste traballo, e o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape. De explicar os detalles do proxecto encargouse Garrido e, ao seu carón, participaron tamén nesta presentación a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez; o director do Centro de Investigación Mariña da UVigo e do Campus do Mar, Daniel Rey; o responsable de Medio Ambiente do Porto de Vigo, Alberto Jaraiz, e o director xeral do Igape, Juan Manuel Cividanes. Todos destacaron as grandes expectativas que CircularSeas esperta na industria naval e portuaria, non en van, de acadarse os resultados agardados, contribuiríase a mitigar un dos maiores problemas aos que se enfronta na actualidade a sociedade e que se refire a contaminación do mar polos microplásticos. “Se unha vez retirados estes microplásticos se lle pode dar un valor engadido e, incluso, axudan a solucionar sobre a marcha algún problema mecánico que poida xurdir nun barco isto ten, sen dúbida, un valor moi elevado”, recalcou a vicerreitora de Transferencia.

Ler a noticia completa no DUVI