Xustificación académica, científica e profesional

A Mecatrónica é unha disciplina que integra mecánica, electrónica, informática e control automático para desenvolver sistemas intelixentes capaces de responder aos retos da industria actual. A súa importancia medrou de forma exponencial nos últimos anos grazas á aparición de produtos e solucións tecnolóxicas altamente sofisticadas, como robots industriais, vehículos autónomos, satélites, dispositivos médicos ou sistemas de fabricación avanzada, que só son posibles mediante a integración destas disciplinas.

O Máster Universitario en Mecatrónica da Universidade de Vigo ofrece unha formación avanzada orientada ao deseño, desenvolvemento, integración e control deste tipo de sistemas. Cun enfoque multidisciplinar e eminentemente práctico, prepara profesionais capaces de liderar proxectos de innovación tecnolóxica en ámbitos como a automatización industrial, a robótica, a automoción, a industria aeroespacial, a fabricación intelixente ou a biotecnoloxía.

Ao longo do programa, o estudantado adquire unha sólida base científica e técnica, complementada con competencias en simulación, sistemas embebidos, sensores e actuadores, control de procesos e integración de sistemas. A formación complétase mediante proxectos, prácticas en empresa e traballo colaborativo, favorecendo unha visión global da enxeñaría e o desenvolvemento de solucións eficientes, innovadoras e de alta calidade.

O mestrado está dirixido a titulados e tituladas en enxeñaría e disciplinas afíns e constitúe a continuación natural dos estudos en Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, así como doutras titulacións relacionadas. Ademais de proporcionar unha especialización altamente valorada polo tecido empresarial, ofrece unha excelente preparación para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.

A elevada empregabilidade das persoas tituladas da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, unida á crecente demanda de perfís especializados na transformación dixital e na Industria 4.0, converte este mestrado nunha opción formativa con amplas oportunidades profesionais. Pola súa orientación práctica, o seu carácter multidisciplinar e a súa estreita conexión coa industria, o Máster Universitario en Mecatrónica responde ás necesidades actuais e futuras dun sector en continua evolución.

 

Referentes externos á universidade

Nacionais:

Internacionais:

 

Descrición dos procedementos de consulta empregados

A proposta deste máster revisouse en base á normativa en relación ao deseño de títulos universitarios oficiais de posgrao, elaborado pola Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo.

Tamén se traballou no deseño do título co marco proporcionado polos seguintes documentos (indícanse só os que se consideran máis relevantes):

  • Liñas xerais para a implantación de estudos de grao e posgrao no Sistema Universitario de Galicia
  • Guía de apoio da ANECA en relación ao proceso de VERIFICACIÓN
  • Protocolo de avaliación da ANECA en relación ao proceso de VERIFICACIÓN de títulos oficiais

Tivéronse en conta tamén os proxectos e convenios de colaboración asinados con universidades e empresas do sector.

Por outra banda, considerouse importante revisar a oferta de títulos de máster actual e futura desta universidade ao obxecto de integrar o coñecemento que achega este máster no conxunto para ofrecer unha formación nova e complementaria ao existente e previsto. De igual modo, tívose en conta as directrices emanadas do centro no que se organiza e impartirase este máster, a Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.

Entrouse en contacto con doutores da Karlsruhe University of Applied Sciences (Universidade coordinadora do Máster europeo “Erasmus Mundus” en Mecatrónica e Micromecatrónica), Technical University of Munich (Universidade coordinadora do proxecto Europeo “Intercultural Excellence in Mechatronic Engineering Education), University of Melbourne, RMIT University, Università degli Studi dei Napoli Federico II, Universidade de Coimbra e as Escolas de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Oviedo, da Universidade de Málaga e da Universidade de Sevilla, onde se imparten titulacións de máster oficiais relacionadas coa Mecatrónica.

As súas achegas a esta proposta de máster, desde a experiencia das titulacións nas súas respectivas universidades, foron enriquecedoras tanto en canto a contidos, dado que lideran proxectos de investigación en Europa e España tan interesantes para esta disciplina, como en canto á coordinación co resto de materias.

Desde o ámbito empresarial ven contando coa colaboración dun nutrido número de profesionais de prestixiosas empresas que participan habitualmente (desde o ano 2004) en seminarios, ciclos de conferencias e xornadas relacionadas coa Mecatrónica e achegaron o seu punto de vista en relación aos contidos deste máster eminentemente profesionalizante.

O centro conta cun SGIC no que se recolle toda a información e procedementos asociados coa ‘Política e obxectivos de calidade da formación’ (capítulo 4, do manual do SGIC). Tal e como se indica no procedemento DO-0102 P1 (Procedemento para o seguimento e mellora das titulacións) do SGIC, ao finalizar o curso académico, os coordinadores do título reciben da área de Calidade, un informe con indicadores e datos recompilados durante o desenvolvemento da actividade docente e do ensino do curso académico. Estes datos, xunto coa propia información da comisión académica do título, son analizados durante a elaboración do informe de seguimento do título que xera, entre outros resultados, un Plan de Melloras.