Ao abeiro do acordo de colaboración entre a Fundación Carolina e a Universidade de Vigo, ambas institucións veñen de abrir unha convocatoria de bolsas de mobilidade internacional. O obxecto destas axudas é compensar o custo da realización dos estudos de mestrado na Universidade de Vigo a alumnado procedente de países de América Latina, membros da Comunidad Iberoamericana de Nacións ou de Portugal. En concreto ofértanse dúas bolsas para o Máster en Mecatrónica e outra para o Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social. A contía máxima de cada bolsa será 550 € destinados a compensar unha parte do prezo da matrícula e o prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o 12 de marzo de 2021. As persoas solicitantes deberán cubrir o formulario electrónico a través da web www.fundacioncarolina.es e achegar a documentación que se lle esixe na convocatoria da fundación.
Criterios de valoración
Para obter unha destas seis axudas, o alumnado deberá estar en posesión do título de licenciatura ou equivalente que permita o acceso aos estudos do mestrado. No caso do Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social, a comisión avaliadora terá en conta a nota media do expediente académico ata 5 puntos e o currículo ata outros 5 puntos, valorando a experiencia profesional previa na materia do mestrado e en contidos afíns.